quarta-feira, 17 de março de 2010

- Tun, tun! - Quen é? - O pobo de Ferrol. - Abre a muralla!


RAZÓNS

Uxío Novoneyra soñaba con ir un día do Courel a Compostela por terras liberadas. En Ferrol devecemos por irmos algún día desde o peirao de Curuxeiras até a Porta do Dique liberados desa muralla anacrónica que, se tivo nalgún momento razón de ser, hoxe non ten ningunha. Porque nesta época fica reducida a ser un obstáculo caduco que non só constrinxe físicamente senón psicolóxicamente a unha poboación que leva agardando décadas que se derrube esta barreira. Un exemplo non só de feísmo senón de medo inxustificado a abrir a cidade a un espazo de singular arquitectura naval e militar levantado sobre o mar, e que aspira a ser declarado Patrimonio Mundial.

En torno á muralla o BNG de Ferrol está a desenvolver unha campaña moi atinada. A de se encher de argumentos e de mil razóns cidadás para convencer ao goberno de España de que o razoábel é abrir o arsenal á cidade, e iso pasa necesariamente porque desapareza o muro-paredón que nos oculta o noso máis prezado tesouro industrial, a construción naval, e as mellores obras hidráulicas do estado.

O ano pasado conmemorouse en todo o mundo con ledicia o vixésimo aniversario da caída do muro de Berlín, o chamado muro da vergoña. En Ferrol o que é unha vergoña é que na altura non se inicien as obras para facer desaparecer esta barreira inxusticábel. Así que:
- Tun, tun!
- Quen é?
- O pobo de Ferrol.
- Abre a muralla!

Xaime Bello Costa
Ex-Alcalde de Ferrol

Sem comentários:

Enviar um comentário