sexta-feira, 5 de março de 2010

Que caia a muralla!


Caen os muros no mundo (con grande parafernalia de conmemoracións, por certo), mentras outros, tan odiosos como os de antes, se levantan e permanecen. Desaparecen as fronteiras, globalízase todo, sobre todo os mercados; mais as barreiras medran entre os homes e os países.

Ferrol mantén aínda en pé unha muralla que lle impide á cidade abrirse completamente ao mar. Non son veciño de Ferrol; vivo Ferrol porque traballo nesta cidade desde hai máis de vinte anos. Sempre me pareceu unha cidade moi ben incardinada nun enclave natural privilexiado. Polo soleamento. Pola orografía favorable. Só hai que ollala cun pouco de detemento desde os altos de Brión, desde Montefaro, desde Ancos, desde o Marraxón ou mesmo desde o Breamo de Pontedeume. Houbo erros doutros tempos, que quizais aínda se poden emendar. Poñamos por caso o situar unha zona industrial e comercial na Gándara, compartida con Narón, enriba de regatos e á beira do mar.
Ademais de depurar as súas augas residuais e erradicar os malos olores que provocan –o que é unha urxente necesidade- Ferrol necesita derrubar a muralla e (re)vivir o mar. Que caia a muralla!

Manuel Rei Romeu
Ensaísta.

Sem comentários:

Enviar um comentário