sexta-feira, 12 de março de 2010

COMPARANZA DE DÚAS MURALLAS


Ferrol foi unha cidade murada, unhas murallas construídas na segúnda metada do século XVIII para a defensa do seu perímetro nuns tempos belicosos. Perdida aquela función, eses muros foron derrubados case totalmente avanzando o século XX, perdurando só a vella toponímia, a absurdamente ubicada Porta Nova-2, o espectacular Baluarte do Principe, o de San Xoan e o de Canido.
Aquela vedreña muralla tiña as súas portas de terra e de mar, e por esa banda marítima a cidade estaba bloqueada case totalmente polo peche dun enorme recinto, o Arsenal, que dende 1750 en diante se fora constituíndo non só nun lugar de construcción de buques e de senlleira inovación técnica, senón nun espazo naval/militar alleo case totalmente ás influencias da sociedade civil. Por derivación, esa situación de aillamento, dilatada ao longo dos séculos XIX e XX, xerou en Ferrolterra unha sociedade de castas que se ignoraban, actitude tamén estesa a quen traballaban “dentro” e quen traballaban “fóra”, unhas estructuras sociais complementarias e ás veces superpostas e á propia división histórica entre clases, tan a miúdo traxicamente enfrontadas. Polo anterior, algún estudoso esaxerado afirma que en Ferrol había dúas cidades ...
Cando ao fin, despois de moitas voltas, unha administración intelixente decidiu derrubar un tramo do muro do Arsenal á altura da Praza das Angustias, a maioría da cidadanía considerou que era un triunfo cívico, que gañaramos espazo. Despois quedou ao descuberto en Ferrol Vello unha mostra do foxo, e visible cara a terra o notabilisimo edificio da Sala de Armas (Cuartel de Instrucción de Marinería para os veteranos); hai pouco foron moi ben restaurados os edificios do Museo Naval e do antigo presidio de san Campio, lindeiros co Cantón. Dese xeito todos gañamos en riqueza urbana e paisaxística.
Mais, todo quedou neso, un Arsenal (no que está toda a ciencia arquitectónica daqueles inxenieiros do século XVIII) aínda pechado ás olladas da poboación, con “Puerto Chico”, o Dique da Campana e bos edificios que o muro ocultan, sen que haxa razóns de seguridade ou argumento estratéxico algún que xustifiquen esa lacazaneria e lenidade institucional.
E rematemos coa comparanza do título, sempre didáctica. Hai pouco mais dun ano foi derrubado o muro que ocultaba o Instituto “Concepción Arenal” de Ferrol por dous dos seus lados, cara a rúa de Cuntis e cara a rúa Alcalde Usero, substituído por unha sinxela verxa de ferro. Cunha acción tan doada todos gañamos: a comunidade escolar apreciando que medrara a liberdade, a veciñanza poidendo ver árbores, estudantes, xardíns e luz, a cidade enteira mellorando a súa estética.
Non estaría demais que quien corresponda tome nota de tan sinxela acción pedagóxica e actúe en consecuencia, aplicándoa ao muro do Arsenal.

O Seixo de Mugardos, marzo do 2010.

Bernardo Máiz Vázquez.
Historiador.

Sem comentários:

Enviar um comentário