Un ve con certa envexa como, nos lugares que presentan proxectos para seren declarados Patrimonio da Humanidade, os cidadáns implícanse e participan tanto do traballo para a consecución do obxectivo como da ledicia final no caso de que a declaración sexa acadada. Vímolo non hai moitos anos en Lugo, coa súa muralla romana. O pobo participa porque se sinte parte do proxecto e porque sinte o proxecto como parte do pobo.
Ferrol é un caso á parte, ou cando menos así o vexo eu. A maioría dos ferroláns descoñecemos o que hai ao outro lado do muro porque ata hai ben pouco tempo non se nos permitía o acceso e, agora que se permite, faise como unha visita a un museo, a algo que está aí pero que non nos pertence.
O pobo de Ferrol ten que sentir o que hai ao outro lado do muro como algo de seu e non como algo estraño e, para iso, ten que poder pasear libremente entre os edificios e achegarse ao mar dende calquera punto da cidade. Só así percibirá a importancia que Ferrol tivo no seu momento, poderá sentirse orgulloso do seu pasado e poderá entender de xeito natural, sen que ninguén llo teña que contar, cales son as razóns que levaron a alguén a solicitar esa declaración.
Eduardo Mera Fernández
Profesor de Ensino Secundario
Sem comentários:
Enviar um comentário