terça-feira, 9 de março de 2010
A muralla
Ferrol é unha cidade atípica, que na antigüidade estivo rodeada de murallas, para defender a poboación dun posible ataque por terra e que, ademais, rodeouse despois doutra muralla interior, para impedir a libre entrada na nova zona amurallada.
Dábase pois a circunstancia dun recinto dentro doutro recinto, que establecía unha situación diferencial incluso entre os traballadores, clasificados como os que traballaban “dentro” e os que traballaban “fora”.
¿Cal foi o motivo da construción deste novo muro? ¿Foi por motivos de seguridade das instalacións da Armada, como unha defensa dentro doutra defensa ? ¿Era para evitar roubos de materiais, especialmente restos de madeira sobrantes da construción dos buques, para utilizalos como combustible?
Sexa cal fose a intención, non hai dúbida de que hoxe calquera destes supostos están claramente superados e xa que logo, non hai xustificación ningunha para manter dentro da cidade unha construción tan antiestética, da que se poderían conservar as partes máis importantes, como as portas e as garitas.
Hai que admitir a necesidade dun cerramento por motivos de seguridade industrial e militar, pero na actualidade existen moitos sistemas para facer algo igual de seguro e moito máis practico e incluso ornamental, eliminando esa pantalla contra a que rebota a incrédula mirada do paseante, xa sexa local ou forasteiro.
Para os que coñecemos o interior de esas murallas, non serve a opinión daqueles que din que a derruba das murallas non deixaría ver o mar, xa que permitiría, a lo menos, contemplar moitos edificios de gran importancia, dentro dunha cidade con tantas cousas que aspiran a ser consideradas como “Patrimonio da Humanidade”.
Amadeo Varela. – Bazanista xubilado.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário