sábado, 10 de abril de 2010

... mais claro auga!!

Para ver o mar ; mais claro auga!!

Aurora Subiela, Piñeiros (Narón)

Vivo cara a un mar ...

Vivo cara a un mar que non podo mirar.

Víctor Martínez, barrio da Magdalena ( Ferrol)

Para romper todas as barreiras

Para romper todas as barreiras

Berta Rivas, Ensanche A (Ferrol)

terça-feira, 6 de abril de 2010

Tan cerca e tan lonxe o noso mar ...


Abre a muralla! Tan cerca e tan lonxe o noso mar, cidade que o ten e non o ve. Abre a muralla! Iso chegará e que non tarde tanto coma as outras obras ... ABRE ESA MURALLA!

Carmela (veciña do Inferniño e Presidenta da Coordenadora deE.N. Lingüística de Ferrolterra)

terça-feira, 30 de março de 2010

Xoguemos todos



Miguel Anxo - mestre

quinta-feira, 25 de março de 2010

... impoñendose o sentido común de contemplar a nosa paisaxe urbana e industrial en todo o seu esplendor


Ó longo do tempo foron diversos os nomes que recibiu Ferrol.
"Ferrol del Caudillo", "Plaza de Armas", "Plaza Fuerte", Fortificación", "Zona Polémica", "Ciudad Amurallada", "Plaza Militar Marítima", "Prisionera de Guerra", "Navío de Guerra" (segundo o artigo 278 da Ordenanza de Arsenais), etc.
Nomes todos eles que hoxe podemos situar no pasado, maís ou menos lonxano.
Cousas da Historia e das Historietas.
Como o muro que nos ocupa, trazado hai mais de 240 anos, ó igual que o foxo que o circundaba, de mais de 1.200 metros de longo por 10 de ancho e 5 metros de profundidade, que durante todo o século XIX foi duramente criticado polos médicos ó ser foco de infeccións "perennes" sobre a poboación, ata a súa clausura e saneamento dos sumidoiros a principios do século XX.
Como "Plaza Militar Marítima", ó tempo que se construén os castelos da ría e defensas da costa -os inimigos procedentes do mar, de fóra-; en terra se levanta o muro e foxo que separa a vila dos inimigos de "dentro"; que podrían provocar sabotaxes -lumes intencionados- nos buques de madeira.
Cuestións todas estas que hoxe non se manteñen, impoñendose o sentido común de contemplar a nosa paisaxe urbana e industrial en todo o seu esplendor.

Manuela Santalla López, historiadora.

terça-feira, 23 de março de 2010

Existen razóns de estetica e expansión para suprimilo

Hoxe nom existen razóns de seguridade militar para mantelo? Si existen razóns de estetica e expansión para suprimilo.

Carlos Moreira
Empresario

segunda-feira, 22 de março de 2010

ADOECER POR...

ADOEZO POR SENTIR O MAR ..............
NA NOSA CIDADE.

ADOEZO POR ULISCAR SEU RECENDO ........

ADOEZO POR ESCOITAR SEU ONDEAR ........

ADOEZO POR MUDAR “O MURO” POR “MIL RAZÓNS”

E ADMIRAR O PATRIMONIO DO ARSENAL
NA NOSA CIDADE.

Víctor Bonome(veciño de Canido)

quinta-feira, 18 de março de 2010

Mural no muro

Idealización da "caída" do muro realizada por Leandro Lamas Hermida
A fotografía foi tomada no tramo de muro entre o acceso a Navantia e o polideportivo de mariña.

quarta-feira, 17 de março de 2010

Escoitar o mar

Escoitar o mar

As pequenas ondas que vexo ao lonxe, falan e non as podo escoitar, tal vez rumorean feitos do pasado, o saqueo de Troia, o afundimento do Atlantis...

Jhon Banville, O mar


Deseño de Antonio Orozco
Profesor do IES de Fene

Que esa zona pase a formar parte do espazo de ocio da cidadanía


Ferrol é unha cidade cuxo futuro pasa pola recuperación dos antigos arsenais militares para o desfrute do povo.
Ademáis da barreira que o muro supón, o verdadeiramente importante é, na miña opinión, que esa zona pase a formar parte do espazo de ocio da cidadanía: un espazo de ocio, de paseo, de recuperación dunhas edificacións aspirantes a patrimonio da humanidade e que son un lugar idoneo para ser ocupados por escolas e museos etnográficos capaces de mostrar os antigos oficios xa perdidos (fabricación de velas, estachas e cordelaría, recuperando o seu varadeiro para mostrar o que eran as antigas embarcacións tradicionais, oficios de calafataría...) En definitiva, que se poida visualizar a potencialidade naval de Ferrol e o seu arraigo tradicional.
Apostemos por un Ferrol fermoso recuperando o noso!

Mateo Verdeal,
Responsábel Local de Galiza Nova.

- Tun, tun! - Quen é? - O pobo de Ferrol. - Abre a muralla!


RAZÓNS

Uxío Novoneyra soñaba con ir un día do Courel a Compostela por terras liberadas. En Ferrol devecemos por irmos algún día desde o peirao de Curuxeiras até a Porta do Dique liberados desa muralla anacrónica que, se tivo nalgún momento razón de ser, hoxe non ten ningunha. Porque nesta época fica reducida a ser un obstáculo caduco que non só constrinxe físicamente senón psicolóxicamente a unha poboación que leva agardando décadas que se derrube esta barreira. Un exemplo non só de feísmo senón de medo inxustificado a abrir a cidade a un espazo de singular arquitectura naval e militar levantado sobre o mar, e que aspira a ser declarado Patrimonio Mundial.

En torno á muralla o BNG de Ferrol está a desenvolver unha campaña moi atinada. A de se encher de argumentos e de mil razóns cidadás para convencer ao goberno de España de que o razoábel é abrir o arsenal á cidade, e iso pasa necesariamente porque desapareza o muro-paredón que nos oculta o noso máis prezado tesouro industrial, a construción naval, e as mellores obras hidráulicas do estado.

O ano pasado conmemorouse en todo o mundo con ledicia o vixésimo aniversario da caída do muro de Berlín, o chamado muro da vergoña. En Ferrol o que é unha vergoña é que na altura non se inicien as obras para facer desaparecer esta barreira inxusticábel. Así que:
- Tun, tun!
- Quen é?
- O pobo de Ferrol.
- Abre a muralla!

Xaime Bello Costa
Ex-Alcalde de Ferrol

terça-feira, 16 de março de 2010

Queremos poder vivir de cara ao mar e non de costas


Queremos poder vivir de cara ao mar e non de costas. Non queremos vivir sempre en inverno tras unha barreira gris. Queremos vivir como galegos e non obrigados coma casteláns. Queremos sentir o vento de frente para loitar con máis forza e non deixarnos levar por el. Queremos un Ferrol donde un artista poda plasmar con toda a sua intensidade , as cores que fan de Ferrol o mellor lugar para vivir.


Eduardo Hermida
Veciño de Canido. Pintor e Cantante

segunda-feira, 15 de março de 2010

FERROL DIÁFANO

Ferrol diáfano, muro derrrumbado:
claridade horizontal.

Ferrol diáfano, muro derrumbado:
integración urbanística.

Ferrol diáfano, muro derrumbado:
cidade aberta ó mundo.

Ferrol diáfano, muro derrumbado:
segregación?, nin virtual.

Ferrol diáfano, muro derrumbado:
adición Vs sustración.

Ferrol diáfano, restos do muro dignos de valor?:
a conservar.

Ferrol diáfano: unir e non separar,
non é esa a cuestión?.

Diaphanes:
transparente, limpo,
claro, despexado;
aberto, límpido,
luminoso e non opaco.

Ferrol diáfano.

Carlos G. Permuy
Veciño de Ultramar
Ferrol.

sábado, 13 de março de 2010

Porque si!


Porque non me gustan os muros.
Porque non me gustan as mordazas.
Porque non me gustan os atrancos.
Quero espazos abertos.
Quero espazos diáfanos.
Quero espazos integradores.

Porque si!

Mª Xosé Martínez Bengoa
Mestra

sexta-feira, 12 de março de 2010

Para que non haxa barreiras físicas nen psicolóxicas


Dende o meu posto de traballo contemplo unha vista da cidade desde o sentido inverso á maioría dos ferrolans.
Vexo o mar que penetra na dársena,vexo edificios e dependencias militares no Arsenal, e por detrás está a traza da cidade. O muro non se ve.
¿Por qué non pode suceder, tamén ao revés?. ¿Por qué un cidadán apostado no centro da ciudade non pode contemplar unha vista continua de tódolos elementos ata o mar?

A tapia debe desaparecer para integrar toda esa zona na cidade , para que non haxa barreiras físicas nen psicolóxicas, aportando máis luz, facendo todo máis diáfano. Ésto xa se demostrou como certo, cando se suprimeu o tramo de tapia que se atopaba ao final da avenida de Esteiro.
Poderase ver menos ou máis o mar, pero como dicía o refrán: "Canto menos bulto, máis claridade".

Juan Fernández Sixto

COMPARANZA DE DÚAS MURALLAS


Ferrol foi unha cidade murada, unhas murallas construídas na segúnda metada do século XVIII para a defensa do seu perímetro nuns tempos belicosos. Perdida aquela función, eses muros foron derrubados case totalmente avanzando o século XX, perdurando só a vella toponímia, a absurdamente ubicada Porta Nova-2, o espectacular Baluarte do Principe, o de San Xoan e o de Canido.
Aquela vedreña muralla tiña as súas portas de terra e de mar, e por esa banda marítima a cidade estaba bloqueada case totalmente polo peche dun enorme recinto, o Arsenal, que dende 1750 en diante se fora constituíndo non só nun lugar de construcción de buques e de senlleira inovación técnica, senón nun espazo naval/militar alleo case totalmente ás influencias da sociedade civil. Por derivación, esa situación de aillamento, dilatada ao longo dos séculos XIX e XX, xerou en Ferrolterra unha sociedade de castas que se ignoraban, actitude tamén estesa a quen traballaban “dentro” e quen traballaban “fóra”, unhas estructuras sociais complementarias e ás veces superpostas e á propia división histórica entre clases, tan a miúdo traxicamente enfrontadas. Polo anterior, algún estudoso esaxerado afirma que en Ferrol había dúas cidades ...
Cando ao fin, despois de moitas voltas, unha administración intelixente decidiu derrubar un tramo do muro do Arsenal á altura da Praza das Angustias, a maioría da cidadanía considerou que era un triunfo cívico, que gañaramos espazo. Despois quedou ao descuberto en Ferrol Vello unha mostra do foxo, e visible cara a terra o notabilisimo edificio da Sala de Armas (Cuartel de Instrucción de Marinería para os veteranos); hai pouco foron moi ben restaurados os edificios do Museo Naval e do antigo presidio de san Campio, lindeiros co Cantón. Dese xeito todos gañamos en riqueza urbana e paisaxística.
Mais, todo quedou neso, un Arsenal (no que está toda a ciencia arquitectónica daqueles inxenieiros do século XVIII) aínda pechado ás olladas da poboación, con “Puerto Chico”, o Dique da Campana e bos edificios que o muro ocultan, sen que haxa razóns de seguridade ou argumento estratéxico algún que xustifiquen esa lacazaneria e lenidade institucional.
E rematemos coa comparanza do título, sempre didáctica. Hai pouco mais dun ano foi derrubado o muro que ocultaba o Instituto “Concepción Arenal” de Ferrol por dous dos seus lados, cara a rúa de Cuntis e cara a rúa Alcalde Usero, substituído por unha sinxela verxa de ferro. Cunha acción tan doada todos gañamos: a comunidade escolar apreciando que medrara a liberdade, a veciñanza poidendo ver árbores, estudantes, xardíns e luz, a cidade enteira mellorando a súa estética.
Non estaría demais que quien corresponda tome nota de tan sinxela acción pedagóxica e actúe en consecuencia, aplicándoa ao muro do Arsenal.

O Seixo de Mugardos, marzo do 2010.

Bernardo Máiz Vázquez.
Historiador.

Ferrol, sen censuras


Ferrol, sen censuras, en toda a súa fermosura patrimonial e á vista o seu traballo.

Francisco Rodríguez
veciño de Canido, membro da Executiva Nacional do BNG

quinta-feira, 11 de março de 2010

quarta-feira, 10 de março de 2010

O pobo de Ferrol ten que sentir o que hai ao outro lado do muro como algo de seu


Un ve con certa envexa como, nos lugares que presentan proxectos para seren declarados Patrimonio da Humanidade, os cidadáns implícanse e participan tanto do traballo para a consecución do obxectivo como da ledicia final no caso de que a declaración sexa acadada. Vímolo non hai moitos anos en Lugo, coa súa muralla romana. O pobo participa porque se sinte parte do proxecto e porque sinte o proxecto como parte do pobo.

Ferrol é un caso á parte, ou cando menos así o vexo eu. A maioría dos ferroláns descoñecemos o que hai ao outro lado do muro porque ata hai ben pouco tempo non se nos permitía o acceso e, agora que se permite, faise como unha visita a un museo, a algo que está aí pero que non nos pertence.

O pobo de Ferrol ten que sentir o que hai ao outro lado do muro como algo de seu e non como algo estraño e, para iso, ten que poder pasear libremente entre os edificios e achegarse ao mar dende calquera punto da cidade. Só así percibirá a importancia que Ferrol tivo no seu momento, poderá sentirse orgulloso do seu pasado e poderá entender de xeito natural, sen que ninguén llo teña que contar, cales son as razóns que levaron a alguén a solicitar esa declaración.

Eduardo Mera Fernández
Profesor de Ensino Secundario

terça-feira, 9 de março de 2010

O de dentro da muralla e patrimonio de todos e todas

Praias, gastronomía, paisaxe, patrimonio urbanístico..., adxectivos definitorios de Ferrol como destino turístico, pero tamén de practicamente todo o territorio do país. E por iso que calquera zona que pretenda diferenciarse dentro do mercado turístico galego busca elementos diferenciados que permitan posicionarse. E en Ferrol témolo xa identificado: o patrimonio industrial que conforman os asteleiros e arsenais militares que non só por históricos senón tamén polo que os expertos turísticos chaman “industria viva” e que conforman o produto de turismo industrial. E as cousas para coñecelas, admiralas e disfrutalas hai que velas. O de dentro da muralla e patrimonio de todos e todas. Por isto e por 999 razóns máis hai que tiralo.


XAN CARLOS LÓPEZ PEREIRA.
Empresario de Hostalería

Mil razóns


A cidade e os seus cidadáns precisamos derrubar a muralla que nos cega o horizonte. Ollarmos os solpores reflectidos na súa Ría. Contemplarmos desde as súas rúas as estelas dos barcos . Escoitarmos sen impedimentos as marteladas operarias na Bazán. Saborearmos nos beizos o salitre esparexido pola nordesía. Imaxinarmos nas terrazas do Cantón e na Praza da Concatedral as belezas agachadas en tanto edificio mal aproveitado... Ferrol e a súa cidadanía precisan derrubar a muralla para podermos abrazar o futuro con ilusión. Esa ilusión esnaquizada en promesas, plans,acordos... somentes reflectidos no papel para seren esquecidos. Co muro tamén, si tamén, xogaron cos compromisos. O 5 de outubro de 2005 o deputado do BNG, Francisco Rodríguez, preguntáballe á Ministra de Vivenda do goberno socialista, Mª Antonia Trujillo y Rincón, sobre esta cuestión. Velaí a resposta: “ ... la demolición de este muro... se incluyó en el primer proyecto inicial del año 2000... Su señoría sabe que estas obras se financian en un convenio firmado por la Junta de Galicia en un 30%, en un 20% , por el Ministerio de Defensa y por el Ministerio de Vivienda en un 50% ... se demolieron 40 metros iniciales de los 160 metros previstos”. A cidade e os seus cidadáns sabemos que aló van dez anos...! Sabemos que só abriron ao horizonte 40 metros...! Mil razóns...?

X. MANUEL PAZO
Veciño da Rúa Coruña-Responsabel Local do BNG

Non coñezo ningún muro que non separe en vez de unir

A primeira razón que se me ocorre é que non coñezo ningún muro que non separe en vez de unir, por iso non me gustan os muros. Pra min, non se trata tanto de ver o mar, que queda máis lonxe,como de non ver o muro, salvo que éste tivera un valor patrimonial (cousa que descoñezo). Neste caso habería que facer un paseo tipo muralla de Lugo para que os ferrolans poideran disfrutar da vista.

Amalio Farrona.

A muralla


Ferrol é unha cidade atípica, que na antigüidade estivo rodeada de murallas, para defender a poboación dun posible ataque por terra e que, ademais, rodeouse despois doutra muralla interior, para impedir a libre entrada na nova zona amurallada.
Dábase pois a circunstancia dun recinto dentro doutro recinto, que establecía unha situación diferencial incluso entre os traballadores, clasificados como os que traballaban “dentro” e os que traballaban “fora”.

¿Cal foi o motivo da construción deste novo muro? ¿Foi por motivos de seguridade das instalacións da Armada, como unha defensa dentro doutra defensa ? ¿Era para evitar roubos de materiais, especialmente restos de madeira sobrantes da construción dos buques, para utilizalos como combustible?
Sexa cal fose a intención, non hai dúbida de que hoxe calquera destes supostos están claramente superados e xa que logo, non hai xustificación ningunha para manter dentro da cidade unha construción tan antiestética, da que se poderían conservar as partes máis importantes, como as portas e as garitas.

Hai que admitir a necesidade dun cerramento por motivos de seguridade industrial e militar, pero na actualidade existen moitos sistemas para facer algo igual de seguro e moito máis practico e incluso ornamental, eliminando esa pantalla contra a que rebota a incrédula mirada do paseante, xa sexa local ou forasteiro.

Para os que coñecemos o interior de esas murallas, non serve a opinión daqueles que din que a derruba das murallas non deixaría ver o mar, xa que permitiría, a lo menos, contemplar moitos edificios de gran importancia, dentro dunha cidade con tantas cousas que aspiran a ser consideradas como “Patrimonio da Humanidade”.

Amadeo Varela. – Bazanista xubilado.

segunda-feira, 8 de março de 2010

A cidade do mar (con muralla)

Ferrol. A cidade do mar (con muralla).

XURXO MANUEL PENA GARCÍA
Ex-Director deportivo
Ex-adestrador de cadetes do Racing de Ferrol

QUEREMOS SER PEIXES DE ROCA E NON PEIXIÑOS DENTRO DUNHA "PECERA"

A NOSA VISTA NON É DE MIOPES. NÓS QUEREMOS VER CON PRISMATICOS. VER A REALIDADE E O MAR CON PERSPECTIVA. QUEREMOS VER, MIRAR,OLLAR, OBSERVAR, ... QUEREMOS ACHEGARNOS Á OUTRA BANDA, Á NOSA RÍA,A MUGARDOS E BARALLOBRE ... QUEREMOS SER PEIXES DE ROCA E NON PEIXIÑOS DENTRO DUNHA "PECERA" CON MUROS. NON AOS MUROS, QUEREMOS "MUROAR", QUEREMOS UNHA FORMACIÓN MILITAR", UNHA "PROCESIÓN" DE CASTIÑEIROS DE MOITA ALTURA E ABERTOS PARA SUBIRNOS, AGOCHARNOS E PODER XOGAR COMO CANDO ERAMOS NENOS.

Andrés Santalla López
Profesor

sexta-feira, 5 de março de 2010

Recollida de sinaturas na Praza de Armas - 05-03-10



ver o mar!





Porque quero ver o mar...!

Francisco Pazo Couto
Avogado - Londres

Que caia a muralla!


Caen os muros no mundo (con grande parafernalia de conmemoracións, por certo), mentras outros, tan odiosos como os de antes, se levantan e permanecen. Desaparecen as fronteiras, globalízase todo, sobre todo os mercados; mais as barreiras medran entre os homes e os países.

Ferrol mantén aínda en pé unha muralla que lle impide á cidade abrirse completamente ao mar. Non son veciño de Ferrol; vivo Ferrol porque traballo nesta cidade desde hai máis de vinte anos. Sempre me pareceu unha cidade moi ben incardinada nun enclave natural privilexiado. Polo soleamento. Pola orografía favorable. Só hai que ollala cun pouco de detemento desde os altos de Brión, desde Montefaro, desde Ancos, desde o Marraxón ou mesmo desde o Breamo de Pontedeume. Houbo erros doutros tempos, que quizais aínda se poden emendar. Poñamos por caso o situar unha zona industrial e comercial na Gándara, compartida con Narón, enriba de regatos e á beira do mar.
Ademais de depurar as súas augas residuais e erradicar os malos olores que provocan –o que é unha urxente necesidade- Ferrol necesita derrubar a muralla e (re)vivir o mar. Que caia a muralla!

Manuel Rei Romeu
Ensaísta.

quinta-feira, 4 de março de 2010

Derrubemos a muralla

Ferrol é como China. Como Berlín, pero con muro. Un gran muro que nos separa do mar, que nos convirte nunha vila de interior. Que esconde cousas tan dispares como o Patrimonio da Humanidade ou os fusilamentos da Punta do Martelo.

Din que está aí por seguridade pero… para que non entren os de fóra ou para que non saian os de dentro? Quen son os de fóra e quen os de dentro?

Vai sendo hora de poñer fin ó esperpento dun pobo mariñeiro sin océano e facer unha integración recíproca xa. Integrar a cidade no mar e ós militares na sociedade pois , aínda que algún lle pese, forman parte dela.

A esencia de Ferrol é o mar.

Por que non tiran a muralla dunha vez?

A esencia dun pobo non pode estar nun xarrón opaco nin as xoias da Ilustración nunha caixa de zapatos.

De que serve ter a ría máis fermosa de Europa si esta venda branca ,que os ferroláns levamos de nacemento, non nola deixa ver?

Francisco Maceira
Membro da AUME

ABRE A MURALLA!


SI, á conservación do patrimonio histórico e cultural, pero NON Á CONSERVACIÓN DE SÍMBOLOS E CONSTRUCIÓNS QUE OPRIMEN E IMPIDEN MIRAR AO HORIZONTE E AO FUTURO.

Para que Ferrol sexa a cidade do Mar: ABRE A MURALLA!

Corona Tato
Profesora de Ensino Secundario

quarta-feira, 3 de março de 2010

ESIXAMOS A DERRUBA DA MURALLA XA !!!!!!!

Ferrol é unha cidade que olla o mar. Hai moitos anos alguén ergueu un muro que non permite nin aos ferroláns nin ferrolás, nin ás xentes que visitan a cidade, poder ver a ría nin a riqueza arquitectónica do arsenal. Non podemos permitir que en pleno século XXl a muralla nos manteña cegos/as.

ESIXAMOS A DERRUBA DA MURALLA XA !!!!!!!

Xesús Anxo López Pintos
COPORTAVOZ DA CIG-FERROL

MUROS E MURALLAS

Forman parte da historia e cultura da humanidade, así como unha importante influencia no desenvolvemento e evolución das civilizacións.

Tamaños, formas e diversidade de materiais, constituíron o que foi tan necesario ao longo da existencia dos seres humanos.

Muros de protección, fronteirizos, defensivos, militares, relixiosos, etc.

Todos eles lémbrannos o pasado, algúns dos que forman parte dun patrimonio enriquecedor, outros, deteriorados polo paso do tempo e algún destruído por necesidade, ante a vergonza social que a súa imaxe representaba.

Hoxe en día, na cidade de Ferrol, existen dous muros, os cales condicionan a nosa vida, o noso desenvolvemento e progreso, tanto para os residentes como para os que nos visitan.

O máis importante é o noso muro psicolóxico, mentres este exista, dificilmente poderemos cambiar calquera outro muro.

Necesitamos anos para afacer a nosa mente a aceptar os cambios, tan necesarios para o noso progreso e desenvolvemento, como cidade e como cidadáns.

Tarde ou cedo o outro muro desta cidade- construído cun obxectivo que fai moito deixou de existir-, deberá ser por fin transformado.

De nós depende de como queremos vivir, se nun presente que se asemelle máis a un pasado, ou a un presente que forme parte dun futuro, vangardista e creando unha cidade máis cosmopolita, tanto para admiración dos visitantes, como orgullo dos seus cidadáns.

Podemos facer realidade os nosos soños, só temos que crer neles.

Javier Solloso Leal

segunda-feira, 1 de março de 2010

Porque o mar é noso e queremos velo ...

Porque o mar é noso e queremos velo,
Porque a cidade é nosa e queremos disfrutala.
Porque algún día será para todos e todas esa fermosa parte da cidade que hoxe só distrutan uns poucos.
Tiraremos o muro e recuperaremos para nos os edificios que deixarán de pensar en guerras para facer cultura, ocio, diversión nunha cidade aberta a nos e aberta ao mar.

Víctor Sixto
Empresario

FERROL COA SÚA XENTE

A cidade faise coa súa xente. Non co mercado nin coa Administración. Ningún goberno de seu debe eludir temas demandados socialmente con impetuosidade, como o desemprego ou a marxinación.

Propoño, como socialista, un serio compromiso para proxectar xuntos todas as ambicións de renovación da cidade e xestionar a súa rápida transformación. Para gobernar Ferrol hai que coñecelo, pisar ás súas rúas, mesturarse coa súa xente, vivir e compartir os seus problemas e ilusións. Temos de entender a cidade como un ben colectivo, expresión solidaria dos intereses e expectativas dos ferroláns neste s. XXI. Queremos recobrar a ilusión da cidade para abrila a un horizonte de progreso e benestar, que sexa moderna e que deña traballo aos seus cidadáns. Queremos recuperar o semblante dun Ferrol alegre, aberto ao mar e ao futuro e recollendo no colo da brétema que foxe dos menceres as súas crises e medos. Queremos que os ferroláns ( mozos e vellos ) gocen das súas rúas e que os visitantes se atopen non só coa nosa laboriosidade e esforzo se non que tamén coas nosas paisaxes e monumentos, coa beleza da nosa contorna e coas nosas festas e instalacións deportivas.

Desexo que unha das reivindicacións máis sentida polos ferroláns, a derruba da muralla da marina, sexa unha realidade para que os ferroláns e visitantes poidamos ver o mar; ese mar que nos foi proscrito durante tan longo tempo.

Celso Posada Anido

Veciño da Rúa Coruña

quarta-feira, 24 de fevereiro de 2010

Mil razons contra o Muro


A derruba da muralla do arsenal é un vello soño do pobo de Ferrol que quere ver o mar, a perspectiva da súa ría e contemplar a infraestrutura arquitectónica do arsenal: unha valiosa obra de enxeñería que consta de numerosos edificios de importante categoría artística.

Queremos ver integrados na nosa estrutura urbanística, polo menos, os lugares que están militarmente desafectados.

Queremos contribuír á transformación de Ferrol para convertela nunha cidade máis habitable, humana e atractiva: substituír o actual muro (que contra toda lóxica e estética aínda permanece en pé) contribuiría a acadar este obxectivo.

Queremos trasladar, á opinión dos ferroláns e ferrolás, un tema que sempre lles preocupou e que desde o goberno local nunca se abordou coa suficiente seriedade e determinación.

Queremos que a cidadanía participe activamente nas decisións que afectan ao deseño da nosa cidade.

Por estas razóns solicitamos que se abra Ferrol ao mar.